mércores, 31 de xullo de 2013

As festas de San Xoan

Outro ano máis, as mellores fogueiras da Ría de Arousa volveron a alumear a noite de San Xoan en Palmeira.


Este ano no Castelo queimaron un barco, rememorando aquela tradición de queimar a dorna cando o mariñeiro se xubilaba ou mercaba unha nova.



Era un barco que levaba xa moitos anos nunha leira de Mondelo.

E tamén, como dende fai un par de anos, aprovéitase o San Xoan para facer as festas do verán. Foron tres días de festa rachada, con bo tempo, pero un par de días con moito nordés polas noites, o que mermou un pouquiño a asistencia de xente, e ainda así houbo moita.

A noite das fogueiras lucía unha lúa chea espectacular que as fixo máis vistosas.

As festas de San Xoan en Palmeira son das máis bonitas da ría, houbo uns anos que correron perigo e case estiveron a punto de perderse, pero afortunadamente recuperáronse.



O que é unha pena é que agora non se fagan as Festas do verán, que antíguamente celebrábanse en setembro, eran coñecidas como "As festas de setiembre", e xa nas últimas décadas pasaron a celebrarse en agosto, para que os palmeiráns que están repartidos polo mundo adiante tamén poideran disfrutar das festas do seu pobo.



Esperemos que cando mellore a situación económica a Comisión de Festas se plantexe de novo volver a facelas.



De momento, desfrutade coas de San Xoan.



E agora que as cinzas xa deixaron de formegar digamos ven alto. ¡Que viva o San Xoán 2014!